Saturday 18 de May de 2024

O Concello retira por seguridade a antiga torre de socorrismo da praia Grande


• A infraestrutura foi poxada xunto con outros lotes de chatarra que se acumulaban na antiga escola de Gallamonde.

• No lugar no que estaba situada instalaranse agora as bandeiras e a megafonía.

O Concello de Miño retirou hoxe, por motivos de seguridade, a antiga torre metálica de socorrismo da praia Grande, que xa foi poxada e vendida xunto con outros lotes de chatarra que se acumulaban na antiga escola de Gallamonde.

O mal estado de conservación desta infraestrutura facía que o seu uso continuado supuxese un perigo, tanto para os socorristas cando tiñan que subir como para os usuarios e usuarias do areal, polo que o goberno local decidiu que era un material inservible que non podía ser utilizado este verán.
No lugar no que estaba situada a torre ata o día de hoxe preténdese instalar agora as bandeiras e a megafonía.

Entrega da bandeira azul para Perbes
O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, asistiu hoxe ao acto de entrega de bandeiras azuis que se celebrou na praia de Rodas, nas Illas Cíes. O Concello de Miño contará durante este verán co distintivo azul na praia de Andahío, de Perbes.

O rexedor recolleu a bandeira de man do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, da Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.